O Curro - San Cibrán


O Curro de San Cibrán (Donas), celébrase o cuarto domingo de xuño no lugar das Lagoas do Cereixo, nos montes da Grova.

O curro principal é rectangular, semisoterrado no chan e pechado en granito; adosado ao principal hai dous pequenos recintos, tamén en pedra, un para os poldros e outro para os animais en venda. Chama a atención que as lousas de granito que pechan os currais mantéñense verticais espichadas na terra.

Malia ser o máis novo, o desenvolvemento do curro de San Cibrán mantén moitas semellanzas con respecto aos outros curros tradicionais da Serra da Grova. O elemento, quizá, máis diferenciador é que a baixa se realiza guiada por un cordón de xentes unidas con paus, que conduce ás burras polos dous quilómetros de baixa camiñando paralelamente a elas.

O día do curro, pola mañá cedo, os besteiros proceden a bater o monte para xuntar as greas no lugar da parada. A continuación realízase a baixa coa peculiaridade mencionada anteriormente. Xa no curro procédese aos labores tradicionais de separación de poldros, garañóns e eguas preñadas, venda ou marcaxe, rapa, desparasitación e solta.

En san Cibrán celébrase curro das Moscas o primeiro domingo de setembro.