O Cabalo na Arte Galega


O cabalo é un dos animais máis representados e tratados na arte desde a antigüidade.

Ao tratarse dun animal fundamental para a vida do home durante moitos séculos, na caza, na guerra, no transporte, no traballo, sempre estivo ao noso lado desde as propias orixes do ser humano. Non é de extrañar, polo tanto, que tamén estea presente nos intentos de representación desde os primeiros momentos da arte.

Ademais, o cabalo é un dos animais que presenta unha maior elegancia tanto polo seu alzado como pola súa envergadura. A súa imaxe asociouse aos cabaleiros, á nobreza e aos propios reis. Existen pinturas con representacións de cabalos da época do paleolítico en covas no Cantábrico e en Francia (Altamira, Lascaux ). O cabalo na cultura celta estivo tamén vinculado ao culto solar como se pode apreciar na escultura do carro solar de Trundholm en Dinamarca.

E nesta historia Galiza non podía quedar atrás. Dentro da nosa arte temos grandes representacións artísticas que veñen desde o tempo dos petroglífos ata o momento actual e que cobren aspectos desde a pintura ata a literatura, pasando, claro está, pola escultura, o cine ou a fotografía.