O Curro


ACURRAR v.t. Recoller as bestas bravas no monte e levalas ao curro.
CURRO s.m. Lugar descuberto e cercado onde se xuntan os cabalos bravos, criados ceibos no monte, para marcalos.
Gran Diccionario Xerais da Lingua .

Coñécense como “curros” ás concentracións de cabalos para a súa marcaxe, limpeza e desparasitación.
No curro apártanse os poldros para a venta ou para o consumo, identifícanse os machos, sepáranse as bestas para a monta e doma e márcanse as novas crías.
Na Terra de Turonio dáse unha grande concentración de cabalos de monte; nas Serras do Suído e da Paradanta, e nas Serras da Groba e do Galiñeiro celébranse curros importantes. Por outra banda, en Oia e en Gondomar é onde o censo de cabalos ceibes é maior (en particular, o número de exemplares de Pura Raza Galega).
Os cabalos ceibes habitan os montes desta terra dende a Idade de Bronce pois así o demostran os petroglifos de Oia e Outeiro dos Lameiros (Baiona); sen embargo, na memoria colectiva, a orixe dos curros fica esvaída no tempo. Probablemente o mosteiro cisterciense de Santa María de Oia xogou un papel fundamental na cría e explotación de cabalos salvaxes segundo aparece en diversos documentos que datan dende o século XIII.