O Curro - Galiñeiro


Imaxes do curro do Galiñeiro

O Curro do Galiñeiro, tamén chamado de Vincios, celébrase o segundo domingo de xullo nas Chans do lugar da Auga da Laxe, nas ladeiras do Monte Galiñeiro, na súa vertente orientada cara ao Val Miñor.

O recinto principal é rectangular, sobre o nivel do chan e pechado en madeira a través de troncos distribuídos en horizontal; ten, ademais, dous pequenos anexos, adosados e tamén pechados en madeira, para separar os poldros e os garañóns.

Fóra a súa estrutura en madeira, as características físicas diferenciais do curro de Vincios quizá sexan a recuperación do material tradicional, a madeira, para pechar os currais e o aproveitamento da morfoloxía do terreo para conducir as bestas no tramo final e no propio curro; tamén cómpre salientar as fermosas vistas do Val Miñor que se poden contemplar tanto en moitos momentos da baixada como desde o propio recinto.

O desenvolvemento do curro non se diferencia substancialmente doutros da zona. A recolla dos cabalos realízase no mesmo día da festa, pola mañanciña, nun perímetro que abarca practicamente todo o monte Galiñeiro, desde Zamáns ata a Auga da Laxe. A parada para iniciar o tramo final é no denominado alto das Brañas. A partir de aquí diríxense os cabalos artesanalmente polos besteiros ata o recinto do curro, procedéndose á entrada no mesmo sobre as 13.00 horas. No tramo final faise un pequeno cordón. A partir deste momento realízanse os labores tradicionais de separación, marcaxe, venda, solta, etc.