O Monte Comunal


O réxime de montes en man común favorece, e mesmo posibilita, a supervivencia dos cabalos ceibes, en moitos casos, de Pura Raza Galega.

Pero non só dos cabalos. Nos montes comunais os cabalos comparten pastos con manadas de vacas, ovellas e cabras, en réxime de maior ou menor liberdade.

As comunidades de montes son titularidades privadas colectivas nas que o uso e a propiedade correspóndelle aos veciños e veciñas comuneiros. Esta forma de propiedade colectiva está presente na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e conforma un dos seus sinais de identidade.

Os diversos aproveitamentos dos montes en man común van dende os máis antigos e en desuso como o cultivo de cereais (do que dan fe as pegadas toponímicas de nomes como Rozadas, Cavadas ou Estivadas), a obtención de recursos vexetais e orgánicos (molimes e leña), pasando pola produción madeireira, mantemento de mananciais e subministro de auga aos veciños, apicultura, gandería, produción mineira e canteira, e chegando até usos máis modernos como os parques forestais e zonas de lecer, rotas de sendeirismo, explotación de recursos turísticos e patrimoniais, produción de biomasa ou os parques eólicos.

En Galicia, concretamente, unha cuarta parte do territorio e boa parte dos espazos protexidos da Rede Natura 2000 pertencen ás Comunidades de Montes.