O Curro - Roteiros das Burras


Os roteiros son os percorridos que seguen os cabalos polos sendeiros do monte desde o lugar da xunta até o recinto dos curros.
Por iniciativa do IES Terra de Turonio, no Concello de Gondomar, e coa colaboración de gandeiros e comuneiros, marcáronse tres roteiros por onde baixan as burras aos curros do concello: a Rega do Lobo, de Morgadáns con cinco quilómetros; as Pedras Miúdas de San Cibrán con tres quilómetros e a do Galiñeiro, de Vincios, con seis quilómetros de lonxitude.

ROTEIRO 1 - Morgadáns: A Rega do Lobo
Os cabalos son traídos desde os montes de Prado, Tui, Couso, Tomiño e Malvas. Son recollidos por  un grupo de gandeiros o día anterior ao curro para un cercado situado no lugar de Chan do Sego, onde se xunta ata o día seguinte. O roteiro comeza no Monte Aloia pasa pola Rega do Lobo e remata no espazo do curro, presidido por unha maxestuosa árbore chamada “Carballo Pequeno” No seu percorrido as vacas e cabras que pastorean polo monte ollan aos cabalos con pasmo.

ROTEIRO 2 - San Cibrán-Donas: Pedras Miúdas
Este roteiro é un dos de mais altitude do Val Miñor; comeza no alto de Pedras Miúdas en Pinzás ( Tomiño ) desde o lugar de Campo Redondo. As burras procedentes dos montes de Baiona, Oia, O Rosal, Tomiño, Gondomar e da Serra da Groba, son conducidas por un cordón formado por xente a cabalo e a pé a través dunha ampla chaira. A pouca distancia, a uns 500m en dirección Tomiño, xunto antes do rio Salqueiro, atopamos a estación arqueolóxica de Chan do Cereixo, con importantes achados do Paleolítico.

ROTEIRO 3 – Vincios - Monte Galiñeiro
Este roteiro comeza na parte traseira do monte Galiñeiro, no lugar de Herville (Mos), no torreiro da Capela das Neves. O cordón das burras descende pola ladeira do monte durante preto de tres quilómetros sobre o encoro de Zamáns e divisando a ría de Vigo na marxe dereita, pasando tamén por Campo Redondo ata chegar ao curro que está no lugar das Chans, en Auga da Laxe, onde se atopan tres mámoas e os petroglifos de armas na Laxe das Procesións.