O Cabalo na Arte - Petroglifos na Terra de Turonio


O cabalo forma parte do entorno do ser humano dende o comezo da domesticación de animais no período do Neolítico, ou sexa, hai uns 12000 anos.

Nas nosas terras temos probas desa aproximación artística cando aínda non aparecera a escritura como tal, pero sí unha expresión artística rupestre; estes primeiros intentos son o Petroglifos, gravados en rochas ao aire libre, maniféstanse entre o final do Calcolítico, na Idade do Cobre, e o inicio da Idade do Bronce, entre o 3.000 e o 2.000 a.C.).

Fotos de Petroglifos

Hai distintos e moi variados motivos insculpidos nos petroglifos: xeométricos, antropomorfos, zoomorfos... Nestes últimos, e entre outros animais como cervos e raposos, destacamos a presenza de cabalos. Así, e na Terra de Turonio, destaca o Outeiro dos Lameiros, en Sabarís, Baiona, onde podemos atopar a maior escena de cabalos representada na arte rupestre; son 78 cuadrúpedes situados en dirección de paso de esquerda á dereita. Mentres uns fican espallados en manda ao longo da pedra vertical, outros están montados formando unha clara simbiose co home.

En segundo lugar cómpre destacar a Laxe de Couso, en Gondomar; aquí observamos dous exemplares de cabalos soltos nunha posición excepcional, subindo cara a parte superior da Laxe. Pola súa proximidade ao instituto, son estes dous cabalos os que utilizamos, nunha interpretación actualizada, como anagrama do noso traballo e da exposición.

Outros petroglifos como os da Portaxe no monte Tetón, entre Gondomar e Tomiño, os do Regueiro do Retruco na Serra da Groba ou os de Pedornes do Alto do Morouzo, Pousadela e a Xeitosiña no Concello de Oia presentan abundantes representacións ecuestres.

No Sur de Terra de Turonio, no Norte de Portugal atopamos tamén na arte rupestre representacións de cabalos e escenas de monta, como en Lanhelas (Caminha) .