O Cabalo na Arte Galega - Literatura


Malia a que en Galicia existe unha enorme cabana cabalar que xerou un importantísimo acervo cultural, a presenza do cabalo na literatura galega é escasa e poucos son os escritores que fan do cabalo o eixo central da súa obra. Aínda así, podemos rastrexar algunhas pegadas.

Historiadores Clásicos
Podemos constatar a alta valoración que os escritores clásicos tiñan do cabalo galego polas numerosas referencias que aparecen nos seus escritos. Os seguintes datos foron tirados de Manuel Cabada Vázquez, na súa obra A rapa das bestas de Sabucedo, Ir Indo, 1992. Así, Estrabón, 63 a.C., xeógrafo grego, conta que os galegos, Kalaikoi, tiñan moitos cabalos e que acostumaban facer holocausto deles ao seu deus da guerra; se cadra, as imaxes dos petrogrifos representaban tales sacrificios. Dión Casio, 235 p.C. narra a historia dun bravo cabalo galego que só se deixou montar por Caio Xulio César. Plinio, no século I da nosa era, e na súa Historia Natural, fai referencia á crenza de que a velocidade coa que corren as eguas galegas é debida a que son fecundadas polo vento do oeste, crenza que parece estar presente en Álvaro Cunqueiro cando fala de que a provincia de Pontevedra “ten nos altos montes manadas de cabalos salvaxes, que levan os ventos nos seus lombos” (Cunqueiro, 13); Plinio tamén fai referencia a unha “andadura galega”, xeito propio de andar dos cabalos galegos. O tamén historiador romano Trogo Pompeio, coñecido a través de Xuniano Xustino, século III d.C. nas súas Historias Filípicas, fala dun monte sacro onde viven bestas en liberdade “tantas e tan veloces, que non se razón parecen concibidas polo mesmo vento”. C. Silio Itálico, pola súa banda, describe un curioso enfrontamento deportivo entre un cabalo galego, chamado Lampón e un cabalo asturiano, Panchates.

A partir de aquí, as referencias literarias ata os nosos días son máis esporádicas

Século XVII
Cervantes, na súa obra O Quixote, no capítulo XV da primeira parte titulado “Donde se cuenta la desgraciada aventura que se topó Don Quijote con unos desalmados yangüeses”, conta a aventura de Rocinante cunhas facas galegas que o acaban couceando.

Século XVIII
FR. Martín Sarmiento, un dos primeiros defensores da nosa cultura, nas coplas do Coloquio de vintecatro galegos rústicos fai a descrición do enterro de Filipe V que sae do Retiro ata a Granxa de San Idefolso, non deixando en moi bo lugar o cabalo autóctono, pois fala dos que ían montados en “vestas/ ou facos galegos/ non iban tan postos/ com´os cabaleiros.”

Século XIX
Eduardo Pondal, no seu O dolmen de Dombate, lembra unha das funcións habituais que realizaba o cabalo en Galicia, un medio de transporte cando ía a Nemiña a estudar, e ía a cabalo, ledo, cal soen os rapaces.

Século XX. Prosa
Eva Moreda, autora nada en Vegadeo en 1981, vén de publicar en 2009 a súa novela O país das bestas, editorial Biblos. A protagonista, Sofía, unha moza universitaria que ten que ir facer un traballo de campo a Predasantas, parroquia preto de Vigo, aterra nun mundo violento e descoñecido para ela onde viven enfrontados o mundo dos comuneiros co dos besteiros.
Gonzalo Moure centra a súa novela Tuva, Edelvives 2007, en Asia, onde Marcos, o seu protagonista, viaxa á república de Tuva para pescudar arredor do profundo misterio da humanidade do que xorde a música con que os pastores de alí domean os cabalos cantándolles. Do mesmo autor é o libro Son un cabalo de Kalandraka dirixido ao público infantil e xuvenil onde un cabalo lle fala a unha nena sobre a súa vida.

Século XX. Poesía
Ramón Rey Baltar en O Feirante de A Gaita a Falare, descríbenos un home de negocios da época que vai á feira e chama a atención como describe o seu cabalo: Montado no seu cabalo/ pequeniño, roxo ou negro,/ con ese maino pasiño/ d´andadura, tan sereo...
Pérez Pallaré dedica un poema ao noso cabalo titulado “Curro da Capelada”: O mozo sol dilingueiro, / no cimo da madrugada, /acurra cabalos verdes/ na serra da Capelada.
Polo seu interese polo mundo do cabalo, pola súa relación co noso contorno, e pola súa participación activa no proxecto Ceibes no Monte, dedicámoslle un apartado específico á relación de Méndez Ferrín cos cabalos ao que demos por chamar Os Cabalos no imaxinario de Ferrín.

Literatura de tradición oral. Contos.
Na literatura popular atopamos moitos contos onde os protagonistas son os animais representando virtudes e defectos dos humanos, mais non atopamos ningún que teña como protagonista o cabalo. Sen embargo na antoloxía de Contos e lendas do Miño editada por Susana Casal Pérez e Xosé López González si aparece o cabalo retratado como un ser fantástico, en consonancia co tratamento mítico que xa vimos na historiografía romana, no conto “O cabalo do demo”, onde nunha noite de lúa chea un home tópase cun cabalo pequeno enriba dun piñeiro que lle gasta unha broma ao home e finalmente desaparece sen deixar pegada. Na mesma liña máxica está a lenda “O cabalo negro da Fraga do Eume”, recollida por Esperanza piñeiro de San Miguel e Andrés Gómez Blanco no seu libro De lenda en lenda. Sitúase esta historia no parque natural do Eume onde medran abundantes árbores que fan de barreira á luz do sol e onde hai terribles barrancos polos que discorren o río Eume e algúns afluentes. Cóntase que alí vive un cabalo negro xigante cun só corno posuidor dunha forza descomunal que galopa pola ladeira abaixo á tardiña ata mergullarse no río e ao seu paso vai tronzando toda a vexetación. Aquel cabalo é o demo ceibo da Fraga do Eume. Pola contra, o conto “Anda para diante cabalo”, da antoloxía Contos e lendas do Miño, o cabalo aparece retratado na súa función habitual de traballo pois o leva unha vella que vai ao muíño para, unha vez moída a fariña, botar os sacos enriba del. Ou como unha posesión moi prezada que o identifica coa realeza en “O galego e o cabalo do rei”.