O Cabalo na Arte Galega - Escultura


Desde a época clásica foron moitos os artistas que se sentiron atraídos pola figura do cabalo como motivo das súas creacións plásticas.

Para atopar as primeiras representacións escultóricas de cabalos feitas por artistas galegos temos que remontarnos á Idade Media; trátase das obras de anónimos mestres canteiros que, ao máis que chegaron, foi a deixar a súa sinatura gráfica cicelada no granito; en todo caso estamos a falar de pequenos detalles en pórticos, ventás, ábsides, canzorros, e outros elementos estructurais das igrexas románicas.

Detalle de mocheta con forma de cabeza de cabalo. Portada lateral da Catedral de Tui

Os primeiros nomes propios de escultores galegos non chegan ata o século XVI con mestres como Nicolás de Chanterenne e o Mestre Arnao. A temática das súas obras son ou ben relixiosas ou ben funerarias de grandes señores; neste segundo caso está o monumento funerario de D. Diego de Castela, obra dos mencionados escultores, que se conserva na capela de san Bertolameu na Catedral de Compostela e que representa ao cabaleiro no seu cabalo. Entre as representacións relixiosas destacan as esculturas de santos a cabalo, sendo clásicos en Galiza santos como Santiago ou san Martiño.

San Martiño. Juan Davila e Gregorio Español. Arredor de 1600. Coro da Catedral de Compostela

Nos séculos XVII e XVIII podemos topar dous grandes nomes da escultura galega: Mateo de Prado e Mateo López; a temática dominante segue a ser a relixiosa e, dentro desta, a representación de santos. De Mateo López é, por exemplo, o San Martiño a cabalo repartindo a súa capa da fachada de San Martiño Pinario en Compostela.

Despois dun longo período de seca temos que chegar ao século XX para poder salientar novos nomes de escultores galegos que utilizaron o cabalo como modelo de representación. En estilos totalmente diferentes e con temáticas renovadas atopamos a Cristino Mallo e a Vilar Lamelas.

Amazona. Cristino Mallo. 1976

Cabalo. Vilar Lamelas. 1989

Pero falar en Galiza da fusión de escultura e cabalos é falar de Juan Oliveira, escultor que mantivo unha especial relación cos cabalos. A súa paixón por estes animais animou ao artista a representalos escultoricamente dun xeito case obsesivo, conseguindo reproducir por medio de xogos de curvas, ángulos e ocos toda a forza, tensión e dinamismo deste nobre animal. Chegou a recibir homenaxes das Federacións Hípicas Galega e Española polo seu traballo cos equinos galegos. “Os cabalos foron a miña paixón e a miña obra foi recoñecida grazas aos cabalos“ (Juan Oliveira). Dado o significado que ten para o noso traballo a obra de Oliveira e, grazas á colaboración inapreciable da familia, incluímos un apartado específico do escutor. O grupo escultórico da Praza de España, en Vigo, é unha homenaxe de Oliveira aos cabalos que nalgún momento do pasado houberon de galopar ceibes polo monte do Castro.

Cabalos do Grupo escultorico en bronce. Praza de España. Vigo. Juan Oliveira. 1991.

Artigo completo sobre a vida e obra de Juan de Oliveira, o escultor dos cabalos