O Monte Comunal - O Cabalo Ceibe


O réxime de montes en man común favorece, e mesmo posibilita, a supervivencia dos cabalos ceibes, en moitos casos, de Pura Raza Galega. Pero non só dos cabalos. Nos montes comunais os cabalos comparten pastos con manadas de vacas, ovellas e cabras, en réxime de maior ou menor liberdade.

Malia ser a parte máis espectacular da gandaría do cabalo de monte, os curros non son nin moito menos o seu compoñente máis importante. O curro ou rapa das bestas non deixa de ser un encontro no que cada propietario de bestas que viven en liberdade todo o ano nos montes reúne os seus cabalos para os marcar, rapar, sanear e, por fin, ceibar de novo para outros trescentos sesenta e catro días de supervivencia no monte. Os curros, e polo tanto o modelo de gandería que representan, están presentes nalgúns dos petroglifos dos tempos prehistóricos que se conservan no noso país.

O Cabalo de Raza Galega, en maior ou menor estado de pureza racial, é parte fundamental na existencia desta gandaría que, polas súas características, resulta única. Os cabalos ceibes no monte poden considerarse o modelo máis puro de gandería extensiva, modelo de desenvolvemento do gando en extensións grandes de terreo nun alto grao de liberdade, e no que o que prima é o respecto ao animal e ao ecosistema por riba dunha simple produción ou redibilidade económica.

O Cabalo galego é de tamaño pequeno pero forte e poderoso, capaz de sobrevivir ceibe nuns montes nos que outras razas, con características moito máis prezadas na equitación, de ningún xeito poderían facelo. Pensemos na vida dos cabalos ceibes nos montes galegos, coa súa vexetación característica de, por exemplo toxo, coas súas rochas e penedos, co lobo sempre ao axexo, soportando condicións climatolóxicas especialmente duras e, como quen di, comendo dos pastos naturais que outros animais rexeitan. A cambio, o cabalo é un magnífico regulador da biomasa dos montes, contribuíndo de xeito incontestábel ao mantemento do ecosistema e facendo un importante labor na prevención dos lumes.