O Cabalo de Pura Raza Galega - O Zebro

Segundo Joaquín Pascual Barea, en "Razas y empleos de los caballos de Hispania según los textos griegos y latinos de la Antigüedad", diferentes textos latinos da época romana apuntan que daquela Hispania contaba con tres razas principias de cabalos: “os cebros,as jacas e os corceles”.

Os equiferi dos romanos, cabalos salvaxes, correspóndense cos zebros da Idade Media que parece que quedaron exterminados a comezos do século XVI debido á caza masiva así como á destrución do seu hábitat e á competencia con novas especies de gando doméstico.

Non existen moitas referencias en textos, resaltamos entre outros: “Montería de Afonso XI” (primeira metade do século XIV), “Relación de Chinchilla" (1576): “relinchaban como yeguas y corrían más que el mejor caballo”, testemuña que parece contradicir a teoría de que eran asnos salvaxes.

Polos textos mencionados sabemos que eran animais ariscos e veloces por excelencia, de capa gris, cunha liña negra que xorde nas omoplatas e acaba en punta sobre as coxas dianteiras, outra liña negra que percorre o lombo sobre as vértebras desde o pescozo ata a cola, e marcas acebradas nas extremidades. No tocante á súa feitura xeral, as crónicas medievais describen ao Zebro coma un équido semellante ao asno ou burro doméstico, "pero de maior alzada, máis forte ou robusto, moi veloz na carreira e de carácter temperamental e fuxidío".

Eran cazados porque a súa carne era moi prezada polas súas propiedades medicinais e tamén usábanse os ósos, pel, medulas así como pelos da cola e crinas. En canto a posibilidade de domealos parece que non era doado, mais nos casos que si se fixo resultaban animais moi veloces (testemuña desta eventual domesticación atopámola no texto “El romance del Rey Marsín”).

En canto á súa distribución xeográfica, e fiándonos da toponimia actual, habitaban Galicia, Portugal, parte de Castela, provincias de Cáceres, Teruel, Xaén, Alacante e Murcia. Non aparecen no NE nin no SO da Península. Algunhas das testemuñas na toponimia que podemos salientar son:: Pedrafita do Cebreiro (Lugo), Auga dos Cebros (Pontevedra), Vegacebrón (Asturias), Zebreira, Zebros, Monte dos Zebros (Beira Baixa), Vale da Zebra (Ribadetejo), Ribeira de Zebro (Moura).

Os textos tampouco aclaran moito sobre a orixe desta especie aínda que parece que os únicos restos fósiles de équidos existentes entre os últimos 30.000 a 20.000 anos na Península Ibérica pertencen a unha soa especie de cabalo como Equus Ferus co nome común de Tarpán. Nas pinturas rupestres da Cova da Pileta, datadas entre 30.000 e 20.000 anos aparecen representados cunha cara subconvexa, característica que parece específica do cabalo salvaxe ibérico. Mais no ano 1920 o zoólogo portugués Ruy d´Andrade descubriu nas chairas do río Sorraia e os seus afluentes Sor e Raia, unha manda de cabalos salvaxes cun fenotipo moi semellante ao cabalo salvaxe ibérico, o que lle permite deducir que este é o auténtico cabalo salvaxe ibérico sen case variacións xenéticas e que o Zebro, o Tarpán ibérico e o cabalo Sorraiano son a mesma subespecie de cabalo. Teoría que desbarata que o zebro sexa un équido extinguido. Os exploradores portugueses, aos équidos salvaxes que acharon no Sur e Leste de África, bautizáronnos como “zebras”, en referencia ao animal que habitaba España e Portugal. Os zebros foron trasladados a terras americanas antes da súa desaparición en Iberia por mor da conquista de América debido á súa resistencia e na actualidade vive en Estados Unidos o descendente do zebro chamado Mustang.