O Cabalo de Pura Raza Galega - Medio Rural

Lexislación Área de dispersión Orientación produtiva
Sistemas de explotación
Censos

Fonte: Web da Consellería de Medio Rural

Lexislación

A Comunidade Económica Europea no ano 1992, continuando coa súa política de protección das razas locais autóctonas en perigo de extinción, publica o Regulamento 2.078/92/CEE, sobre métodos de produción agraria compatibles coas esixencias da protección do medio e a conservación do espazo natural. Este regulamento comezouse a aplicar en Galiza no ano 1996, e a súa aplicación foi o punto de partida definitivo para a recuperación do Cabalo de Pura Raza Galega. Co obxectivo de poder xestionar a axuda recollida no Regulamento 2.078/92/CEE, a Xunta de Galiza, a través da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, abriu un rexistro provisional de exemplares, mentres non se publicaba a regulamentación específica do libro xenealóxico. O devandito regulamento impulsou, por outra parte, o asociacionismo gandeiro; así en xaneiro de 1997 constituíuse a Asociación de Propietarios e Criadores de Galiza do Cabalo Galego do Monte, actualmente denominada Asociación Pura Raza Cabalo Galego. Esta asociación é tamén un factor clave na recuperación da raza, pois o aumento de inscricións de exemplares no ano 1997 e posteriores débese parcialmente a ela. A raza equina autóctona de Galiza, o Cabalo de Pura Raza Galega, nace oficialmente no mes de outubro de 1998, cando a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria publica a Orde do 23 de setembro, pola que se establece o Libro Xenealóxico do Cabalo Galego do Monte (DOG nº191, xoves, 1 de outubro de 1998). Esta normativa supuxo o punto clave de inicio para a recuperación e conservación da raza, xa que, ademais de establecer as directrices básicas para o comezo de rexistro de animais, instaurou un prototipo racial consensuado e aceptado por todos os sectores implicados, especialmente os gandeiros. No ano 2001 a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria publicou unha nova normativa, a Orde do 4 de abril de 2001 pola que se establece a regulamentación específica do Libro Xenealóxico de Cabalo de Pura Raza Galega. Con esta normativa pretendeuse complementar a anterior e adaptala ás circunstancias actuais, estruturando o Libro Xenealóxico nun sistema de rexistros máis sinxelo; establecendo un órgano reitor do Libro, a Comisión Reitora do Libro Xenealóxico; e establecendo así mesmo o sistema de valoración e cualificación morfolóxica e as respectivas comisións.

Área de dispersión

Os cabalos explotados en réxime de liberdade en Galiza distribúense sobre todo pola zona sudoeste de Pontevedra, zonas central e norte da provincia de Lugo e na zona noroeste da provincia da Coruña. Viven en áreas de amplas serras e montes, con poucas árbores, abundante vexetación arbustiva e con pouca ou ningunha poboación humana no seu contorno. Todos os animais actualmente inscritos no Libro de Rexistro Xenealóxico do Cabalo de Pura Raza Galega, foron e son na súa meirande parte escolmados de entre as poboacións cabalares explotadas en réxime de liberdade nos montes galegos. Os exemplares inscritos nos distintos rexistros do Libro Xenealóxico do Cabalo de Pura Raza Galega están distribuídos practicamente por todos os concellos de Galiza.

Orientación produtiva

A orientación produtiva do Cabalo de Pura Raza Galega non é a produción cárnica, aínda que nun principio se poida pensar que si polo sistema de explotación en réxime extensivo da maioría dos exemplares inscritos. Precisamente por non seren exemplares con características axeitadas á produción cárnica, foi polo que os gandeiros tentaron introducir nos montes galegos sementais doutras razas máis idóneas para este fin, conseguindo con iso desvirtuar as características raciais do cabalo autóctono galego. É certo, non obstante, que debido a que a raza permaneceu esquecida moitos anos, a única saída produtiva que tiña era a dunha moi escasa produción cárnica, pero hai que ter en conta que esa escasa produción non tiña custos, polo que se traducía en beneficios netos. A orientación produtiva que debe tomar a cría e escolma do Cabalo de Pura Raza Galega debe ser a obtención de produtos con cualidades deportivas, de exposición e de lecer, pois de por si xa ten outras cualidades que a moitas outras razas lles faltan e que en moi poucos casos serán capaces de acadar: rusticidade, adaptación ao medio e temperamento identificativo de raza. Hoxe en día algunhas das razas citadas anteriormente e entroncadas directamente co Cabalo de Pura Raza Galega atópanse máis difundidas, sendo coñecidas practicamente en todo o mundo e tendo un maior prestixio recoñecido en canto ao seu uso para a práctica da equitación, como pode ser o caso da raza Connemara ou Shetland. A explicación atópase en que foi sobre elas nas que antes se comezou a traballar, poñendo en marcha programas de conservación baseados na definición dos seus respectivos prototipos raciais e no establecemento dunha regulamentación que rexera as condicións para a inscrición dos individuos nun rexistro. O feito de que estean máis estendidas e que o seu emprego na práctica da equitación sexa máis amplo, non quere dicir que sexan máis idóneas para a práctica da equitación, simplemente están máis seleccionadas porque a súa recuperación comezou antes e, de non ser así, posiblemente hoxe estarían extinguidas. Por outra banda, se determinadas razas de cabalos, como as anteriormente mencionadas, son idóneas para a práctica da equitación, tanto de lecer coma deportiva (en moitas disciplinas hípicas), pódese pensar que outras razas emparentadas con elas, que aínda están comezando a súa andaina, tamén sexan válidas. Os exemplares de Pura Raza Galega son moi aptos para a práctica da equitación en todas as súas modalidades, tanto en equitación deportiva de competición coma en equitación de lecer. Son especialmente aptos para paseos e rutas de turismo ecuestre, para probas de salto de obstáculos en categoría "pony", horseball, enganche lixeiro e andadura galega; ademais, polo seu temperamento tranquilo e nobre, serán moi válidos para centros de hipoterapia (equitación terapéutica) con discapacitados físicos ou psíquicos e poden axudar á reinserción social de drogodependentes e marxinados sociais. Os concuros morfolóxicos son o máximo expoñente da exaltación das cualidades de beleza da raza e serven de base para que os gandeiros expoñan os seus exemplares con orgullo de criador e teñan claros os conceptos e criterios de escolma de exemplares nas súas gandarías. Por outra banda, permiten dar a coñecer ao público as características e cualidades identificativas da raza, amosando o temperamento afectivo dos seus exemplares e, o que é aínda máis importante, abrindo vías de comercialización e espertando interese pola raza entre o público en xeral.

Sistemas de explotación

Na actualidade, hai exemplares que se están criando nun sistema totalmente extensivo, practicamente o 75%; exemplares criados en réxime de semiliberdade, o 5% aproximadamente; e os criados totalmente en réxime intensivo, o 20%. Cada sistema de cría ten as súas particulares características que nos permiten observar todo o abano de cualidades da raza e, ao mesmo tempo, analizar o seu potencial en todos os aspectos. Os exemplares criados en absoluta liberdade nos montes galegos demostran unha especial rusticidade, estando moi adaptados ao medio onde viven, ás veces en condicións extremas tanto de alimentación coma climatolóxicas. Neste ambiente natural pode parecer un animal nervioso, esquivo e indómito, porén cando se cría en condicións de semiliberdade ou en estabulación intensiva resulta ter un temperamento tranquilo, nobre nos actos, curioso e gustoso da presenza do home, amosando grande afectividade, especialmente polos pequenos. Todas as características morfolóxicas que afean os exemplares da raza criados en estado de liberdade (pelo longo, ventre grande, delgadeza, raquitismo, etc.) desaparecen cando se crían en condicións favorables, ben en semiestabulación (acubillados en cortellos polas noites e en prados durante o día) ou en estabulación intensiva (permanentemente en cortello), e máis aínda cando ás boas condicións de estabulación, alimentación e sanitarias se lles suma un correcto réxime de exercicio diario, resultando animais moi proporcionados e harmónicos tanto fisicamente como nos seus movementos. De cara ao futuro, os gandeiros criadores de cabalos de Pura Raza Galega deberán aproveitar a oportunidade que Galiza ofrece para a cría cabalar. Neste sentido o establecemento de programas de cría axeitados permitirán poder criar exemplares en condicións de absoluta liberdade a un relativo baixo custo e, de entre eles, escolmar aqueles que mellores condicións presenten para a práctica da equitación nas distintas modalidades. O establecemento de núcleos poboacionais en liberdade, onde se garantan condicións sanitarias, alimenticias e de reprodución en pureza racial, serán sen dúbida a base dos programas de cría. Nestas condicións poderanse ter greas de eguas reprodutoras cos sementais máis axeitados, e os produtos nados poderanse introducir en programas de adestramento e selección para actividades de equitación. Para identificar os exemplares inscritos no Libro Xenealóxico, sempre velando polo benestar animal e co obxectivo de evitar prácticas de identificación dolorosas como mutilacións e marcas a ferro, tratouse de buscar un sistema de identificación cómodo de empregar, permanente, indoloro e ao mesmo tempo fiable. Así, os exemplares estanse identificando cunha ficha completa, que se ve reflectida no seu pasaporte, cun "chip" electrónico e cunha numeración a frigori (identificación indolora).

Censos

A Asociación Pura Raza Cabalo Galego é a que ten un maior número de animais inscritos que se manteñen en núcleos poboacionais de reprodución en pureza, espallados nas catro provincias galegas. O obxectivo do mantemento destes núcleos é a conservación de exemplares puros en condicións hixiénicas e sanitarias óptimas, ademais de garantir a súa reprodución en pureza, para así, cos produtos nados, ir repoboando outras zonas de Galiza ou establecendo colaboracións con gandeiros interesados na recuperación da raza.