O Medio Natural - Adaptación ao medio


Os cabalos ceibes viven nun hábitat ecolóxico de montaña que non superan os mil metros de altitude. O chan do monte é pedregoso e cuberto de toxo e gramíneas como as queirogas, uces e fentos. As zonas polas que se estenden son de monte baixo, con abundante vexetación de arbustos. As áreas de monte arborado sérvenlles de refuxio e protección. A presenza de mananciais de auga é fundamental para a supervivencia.
A vexetación adoita ser de pouca calidade, con moitas silvas e toxos, carrascos, codesos e fentos que conforman un sotobosque de pouco valor nutritivo.
O cabalo adapta o seu ciclo vital ás estacións do ano, modificando a súa fisionomía segundo as inclemencias climáticas. No inverno presenta unha maior cantidade de pelo, máis longo e máis groso. Nesta etapa do ano é cando ten un aspecto máis delgado debido á escaseza da vexetación. A súa dieta baséase no toxo, carrascos e xestas. É cando se ven obrigados a baixar aos vales en busca de pastos. Nalgúns momentos extremos de nevadas os gandeiros poden levarlle ao monte algún tipo de herba seca ou palla para axudar ás mandas atrapadas na neve. Os invernos chuviosos e neboentos son especialmente duros para moitos destes animais. Na primavera brotan os pastos e os cabalos recuperan o seu peso. Poden chegar a consumir nestes momentos entre 20 e 30 quilos de herba diariamente. É entón cando perden a pelaxe e esta vólvese máis fina.
Os cabalos salvaxes teñen unha lonxevidade de 25 a 30 anos e ao longo da súa vida presentan unha extraordinaria resistencia física.
O lobo é o principal depredador do cabalo salvaxe, atacando aos poldros para a súa propia subsistencia. En todo caso, os cabalos teñen mecanismos de defensa. Un deles consiste en poñerse en círculo protexendo no centro aos poldriños e cando son atacados colócanse coas cabezas cara a dentro e deféndese a couces. Outro caso de adaptación pode ser o bigote, que crece especialmente nos animais ceibes para protexelos das púas cando comen toxo.
A plantación masiva de eucaliptos leva a un empobrecemento do subsolo e á diminución da calidade da vexetación da que se alimentan os cabalos. Isto, unido á unha maior exposición aos incendios, ten levado a auténticas trampas mortais para os cabalos. Un exemplo desta catástrofe ecolóxica produciuse na Serra da Groba no verán do 2006 onde chegaron a queimarse unha boa cantidade de cabalos.