Compostela acolle a exposición “Ceibes no monte”, froito dun traballo educativo nun instituto de Gondomar.
Percorrer
diferentes aspectos relacionados co mundo dos cabalos en liberdade. Ese
é o obxectivo da exposición “Ceibes no monte”, que se pode ver no Museo do Pobo Galego do 16 de outubro ao 23 de novembro. A mostra forma parte dun proxecto didáctico do Instituto de Educación Secundaria Terra de Turonio de Gondomar, premiado pola Fundación Antonio Fraguas. O traballo está centrado na chamada Terra de Turonio, denominación medieval da zona sur de Pontevedra.
A exposición achégase aos cabalos ceibes a través de 18 paneis
organizados arredor de cinco núcleos temáticos: o medio natural, o
monte veciñal en man común, o cabalo galego de pura raza, os curros e o
cabalo nas artes. Xunto cos paneis exhíbense ferramentas, materiais
etnográficos, documentais realizados polo Instituto e outros traballos
audiovisuais producidos en Galiza cos cabalos en liberdade como tema.
Na parte da exposición dedicada á presenza do cabalo en artes como a
literatura, a pintura, a escultura e a fotografía, ten un lugar
especial o escultor tudense Juan Oliveira, do que se exhiben varias pezas en bronce.
En paralelo á exposición desenvolveranse varias actividades: un obradoiro literario arredor da novela O país das bestas, de Eva Moreda, a presentación do libro Son un cabalo
de Gonzalo Moure, a proxección dun documental sobre os cabalos na Terra
de Turonio e a edición dunha publicación didáctica sobre este
patrimonio cultural. Na web ceibesnomonte.com pódense ver os traballos sobre este tema realizados polo alumnado.