O Concello de Gondomar apoiará a iniciativa traballada polo alumnado do IES Terras de Turonio, estabelecendo roteiros culturais polos camiños do monte deica os curros.
Cunha camiñada polos roteiros de Vincios e Morgadáns, rapazas e rapaces do Instituto Terras de
Turonio, acompañados por profesorado e polo concelleiro de Medio Ambiente en
Gondomar, inauguraron este martes os roteiros. A idea abrollou no propio
instituto, no marco do Ciclo de Actividades Físico-Deportivas impartido neste
centro e que inclúe no seu currículo as actividades de monta a cabalo e
sendeirismo.
Deste xeito, e baixo o epígrafe "Ceibes no Monte",
desenvólvese un proxecto no que colaboran co Instituto local o propio Concello e
os gandeiros propietarios de cabalos e das comunidades de montes. O obxectivo
inmediato é elaborar unha sinalización específica para o camiño das greas desde
o punto onde son xuntadas até o lugar do curro. Segundo explican desde o centro
escolar, a presenza dos cabalos en liberdade nas serras do Galiñeiro e da Grova
é unha "práctica ancestral" mesmo documentada nos petroglifos achados nos montes
da zona, con escenas de monta equina atopadas en Couso, Sabarís ou Oia. "Esta
actividade de cría e de mantemento de mandas de cabalos no monte mantense viva
no Concello de Gondomar grazas aos gandeiros que herdaron de xeracións
anteriores os saberes e as prácticas de coidados e mantenza dos animais en
liberdade", contan.
Escola e institucións colaborarán así en espallar e
converter en atractivo turístico esta manifestación cultural, nunha idea que xa
foi ademais premiada pola Fundación Antonio Fraguas e polo Museo do Pobo Galego.
Inicialmente vanse estabelecer tres roteiros das "burras" como sendas de
interese cultural (con "burra" refírense no Val Miñor aos cabalos). Na área do
curro e no de concentración dos cabalos colocaranse paneis informativos co
esquema do itinerario e unha explicación sobre as actividades gandeiras e a vida
dos cabalos en liberdade. O IES Terra de Turonio forma parte da rede de centros
da Axenda 21, programa que se está a desenvolver tamén no Concello de Gondomar e
que procura contribuír a un desenvolvemento sostíbel fomentando prácticas
ecolóxicas e sustentábeis.